sábado, 23 de xuño de 2007

Salto por enriba do lume de San Xoán, para que non me trabe nin cadela nin can


A nosa longa noite de San Xoán é, en Galicia, unha noite moi curta, a máis curta do ano. Pero por curta, non quere dicir que nesa noite non sucedan cousas, senón todo o contrario, as cousas que suceden, nesas poucas horas nocturnas que van do 23 ó 24 de xuño, son moitas e, quizais, das máis interesantes do todo o ano.É, sen dubidalo, e dende os tempos máis remotos, unha das noites máis máxicas galegas, e a que coincide coa celebración do solsticio de verán. As meigas andan soltas e ninguén sabe o que vai acontecer...
É a noite do lume, das lumeiradas, fogueiras, cachelas ou cacharelas... A noite da auga, na que reviven as propiedades das fontes santas e milagreiras, a que purifica e fecunda coas nove ondas do mar (que, en realidade, son sete)... A noite do orballo, e, tamén, do mundo vexetal –onde as plantas acadan o mellor das súas propiedades máxicas e mais de curación.
Nesa noite, onde tódolos milagres e os encantos son posíbeis, é o lume o maior protagonista.
O lume de San Xoán ten moitas virtudes, todas elas de purificación. É tradición saltar, varias veces, a fogueira; por suposto, sempre nun número impar e saltando dunha vez para un lado e outra vez para outro. É bo contra o mal de ollo, meigallos, distintas enfermidades, sempre e cando fagamos a invocación mentres o saltamos:
Salto por enriba do lume de San Xoán, para que non me trabe nin cadela nin can.
E logo, cando chegue a hora de bota-la borralla da fogueira cara un río digamos aquilo de:
Demo maldito vaite de aí. Aí vai a borralla de San Xoán atrás de ti. Deus te leve ó mar onde non cantou galiña nin galo. E a que cantou, levouna o diaño.

Boa noite de San Xoan!

Ningún comentario :