domingo, 5 de xuño de 2016

Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez Iglesias, Premios Xerais 2016


Na tarde deste sábado déronse a coñecer o XXXIII Premio Xerais de Novela, o VIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXI Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado cada un deles con 10.000 euros. De entre os 89 orixinais presentados nas tres categorías, as obras de Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez resultaron as premiadas.
Así, Manuel Esteban (Vigo, 1971) alzouse co Premio Xerais de Novela con A ira dos mansos,  “está escrita cun estilo directo, rápido, eficaz, sen adobíos, con moito sentido do humor, ás veces ácido e cínico, e cunha trama que nos atrapa, e que nos obriga a seguir lendo”. “É unha novela negra cunha trama trepidante que trata sobre a inclusión, a dignidade e o respecto”.
Iria Misa (Gondomar, 1983) obtivo o VIII Premio Jules Verne coa obra Xa non estou aquí. As drogas, o pracer polo pracer, o amor e a familia forman parte da trama desta novela que se estrutura en dous tipos de narradores que se alternan por capítulos. “A narración comeza o día en que Ánxela desaparece e irá pouco a pouco confluíndo no tempo co relato máis demorado da protagonista da novela”.
O Premio Merlín foi para a obra Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias. Ambientada no rural do s. XX é “unha novela realista, narrada en primeira persoa por unha moza preadolescente, aínda que na obra tamén existen outras voces de gran relevancia, tal é o caso da voz do avó Valente, un ancián pouco común cuxo nome anticipa o seu carácter”


Estamos dexesando telas na man!
Norabóa aos participantes e ós premiados!

Ler máis en Galiciaé

Ningún comentario :