martes, 21 de novembro de 2017

Suprime o control

A Deputación da Coruña acaba de botar a andar por segundo ano consecutivo o programa socioeducativo de prevención da violencia de xénero "Suprime o control".

A principal actividade deste programa é a realización de obradoiros de sensibilización e prevención nas aulas en torno aos seguintes eixes temáticos: construción de identidades igualitarias; fortalecemento da intelixencia emocional e das habilidades sociais; aprendizaxes para a identificación e prevención da violencia de xénero; e a desmitificación do amor romántico. Os contidos e as dinámicas das sesións abordaranse dende unha proposta aberta, adaptable á diversidade de actitudes e intereses do alumnado, fomentando unha aprendizaxe cooperativa e participativa, e empregando as TICS como principal ferramenta de aprendizaxe.

O programa pon ao dispor da comunidade educativa os materiais didácticos en aberto, descargables desde a sección Recursos. Entre estes materiais ofrécese unha guía didáctica de grande interese para o profesorado. Ofrécense tamén as curtametraxes elaboradas ao abeiro dos proxectos relacionados coa prevención da violencia de xénero.

Ningún comentario :